IES VALADARES

IES VALADARES

martes, 2 de mayo de 2017

CLUB DE LECTURA - MARÍA SOLAR

O vindeiro 22 de maio, luns, visitará o noso instituto a escritora María Solar, ás 18'30 horas, dentro das actividades do Club de Lectura, para falar da súa novela As horas roubadas.

Ofrecemos eiquí unha semblanza redactada pola propia autora.

Son escritora e xornalista da Televisión de Galicia e a Radio Galega. Na actualidade presento o magazine informativo A Revista Fin de Semana da TVG. Nacín o día de Nadal de 1970 en Santiago de Compostela, onde vivo. De pequena o meu tempo pasaba entre libros e televisión, e de adulta fixen de ambas cousas a miña profesión. Así que teño a sorte de traballar no que me gusta e por iso síntome afortunada.
Na miña formación académica mesturei as ciencias e as letras: son licenciada en Bioloxía e en Xornalismo, e diplomada en Maxisterio. Teño tamén o título de Especialista en Información Ecolóxica e Ambiental.
Sempre me centrei no mundo da comunicación, principalmente en radio e televisión, aínda que tamén colaborei en prensa e revistas. Traballei como actriz de dobraxe. O groso da miña traxectoria desenvolvino na Televisión de Galicia e a Radio Galega. Para TVG presentei un gran número de espazos de todos os xéneros como o cultural Zigzag Diario, Ciencianosa, En pé de festa, Arrampla con todo, entre outros. Na Radio Galega destacan o oito anos que dirixín e presentei o magazine diario As tardes da Galega.
Recibín algúns recoñecementos na profesión, entre eles, o Zigzag Diario da TVG, conseguiu en 2012 e 2013 o premio Mestre Mateo ao mellor programa de TV; na mesma edición fun finalista a Mellor Comunicadora de TV; recibín o 2º premio Galicia Innovación de Xornalismo de Investigación.
A literatura é a miña outra paixón xunto ao xornalismo. Para min son dúas caras da comunicación, unha real e outra ficcionada, pero en ambas hai alguén do outro lado a quen lle queres contar algo.
As miñas novelas tiveron por destinatario tanto ao público adulto como o de todas as idades, porque así é como entendo a literatura infantil e xuvenil: como literatura para todas as idades.
No mundo da LIX, teño varias obras premiadas e traducidas a outros idiomas. O meu pesadelo favorito  é o meu libro máis galardoado, conta co premio Lazarillo de creación literaria 2014, foi incluído na prestixiosa lista White Ravens 2015 da biblioteca de Munich na que seleccionan anualmente os mellores libros infantís do mundo, Libro do ano 2015 na revista Fervenzas Literarias e premio ao mellor libro infantil-xuvenil na I Gala do Libro Galego. A verdadeira historia da mosca da tele, recibiu o Premio Frei Martin Sarmiento 2014; e  Vou ter un irmán!!! Premio Frei Martin Sarmiento 2013. E con  Teño uns pés perfectos entrei de novo na prestixiosa lista White Ravens 2016.
·      Recentemente sairon publicados, “Os nenos da varíola” Editorial Galaxia.“Los niños de la viruela” Editorial Anaya.2017. “L'expedición del doctor Balmis”. Edicions Bromera.

Os meus libros, escritos orixinariamente en galego, poden lerse en distintos idiomas como castelán, catalán, portugués, italiano ou polaco.