IES VALADARES

IES VALADARES

martes, 2 de mayo de 2017

CLUB DE LECTURA - MARÍA SOLAR

O vindeiro 22 de maio, luns, visitará o noso instituto a escritora María Solar, ás 18'30 horas, dentro das actividades do Club de Lectura, para falar da súa novela As horas roubadas.

Ofrecemos eiquí unha semblanza redactada pola propia autora.

Son escritora e xornalista da Televisión de Galicia e a Radio Galega. Na actualidade presento o magazine informativo A Revista Fin de Semana da TVG. Nacín o día de Nadal de 1970 en Santiago de Compostela, onde vivo. De pequena o meu tempo pasaba entre libros e televisión, e de adulta fixen de ambas cousas a miña profesión. Así que teño a sorte de traballar no que me gusta e por iso síntome afortunada.
Na miña formación académica mesturei as ciencias e as letras: son licenciada en Bioloxía e en Xornalismo, e diplomada en Maxisterio. Teño tamén o título de Especialista en Información Ecolóxica e Ambiental.
Sempre me centrei no mundo da comunicación, principalmente en radio e televisión, aínda que tamén colaborei en prensa e revistas. Traballei como actriz de dobraxe. O groso da miña traxectoria desenvolvino na Televisión de Galicia e a Radio Galega. Para TVG presentei un gran número de espazos de todos os xéneros como o cultural Zigzag Diario, Ciencianosa, En pé de festa, Arrampla con todo, entre outros. Na Radio Galega destacan o oito anos que dirixín e presentei o magazine diario As tardes da Galega.
Recibín algúns recoñecementos na profesión, entre eles, o Zigzag Diario da TVG, conseguiu en 2012 e 2013 o premio Mestre Mateo ao mellor programa de TV; na mesma edición fun finalista a Mellor Comunicadora de TV; recibín o 2º premio Galicia Innovación de Xornalismo de Investigación.
A literatura é a miña outra paixón xunto ao xornalismo. Para min son dúas caras da comunicación, unha real e outra ficcionada, pero en ambas hai alguén do outro lado a quen lle queres contar algo.
As miñas novelas tiveron por destinatario tanto ao público adulto como o de todas as idades, porque así é como entendo a literatura infantil e xuvenil: como literatura para todas as idades.
No mundo da LIX, teño varias obras premiadas e traducidas a outros idiomas. O meu pesadelo favorito  é o meu libro máis galardoado, conta co premio Lazarillo de creación literaria 2014, foi incluído na prestixiosa lista White Ravens 2015 da biblioteca de Munich na que seleccionan anualmente os mellores libros infantís do mundo, Libro do ano 2015 na revista Fervenzas Literarias e premio ao mellor libro infantil-xuvenil na I Gala do Libro Galego. A verdadeira historia da mosca da tele, recibiu o Premio Frei Martin Sarmiento 2014; e  Vou ter un irmán!!! Premio Frei Martin Sarmiento 2013. E con  Teño uns pés perfectos entrei de novo na prestixiosa lista White Ravens 2016.
·      Recentemente sairon publicados, “Os nenos da varíola” Editorial Galaxia.“Los niños de la viruela” Editorial Anaya.2017. “L'expedición del doctor Balmis”. Edicions Bromera.

Os meus libros, escritos orixinariamente en galego, poden lerse en distintos idiomas como castelán, catalán, portugués, italiano ou polaco.



viernes, 28 de abril de 2017

SEMANA DO LIBRO - ACTIVIDADES

Co gallo do Día do Libro (23 de abril) programáronse diversas actividades no Instituto.
O luns 24 pola mañá, os alumnos representaron unha adaptación teatral do Principiño, a novela de Saint-Exupery.
Nervios, emoción, ilusión... mesturáronse no escenario do salón de actos do noso instituto o día 24 de abril. O alumnado de 3º ESO quixemos festexar o Día do libro dun xeito especial. Por iso preparamos con esmero a representación teatral O principiño para compartila cos nosos compañeiros do CEIP Igrexa Valadares e o CEIP de Navia. Ao rematar traballamos conxuntamente. Pensamos, imaxinamos, debuxamos e deseñamos o noso planeta que podería visita o Principiño. Rematamos pintando un marcapáxinas que os máis pequenos levaron de recordo.



Foi un pracer vivir esta xornada cos nosos compañeiros de primaria!
Pola tarde, Alfonso Díaz (Foni), un atrevido profesor e aventurero, contounos aspectos curiosos e anecdóticos dos seus viaxes polo continente africano.



Púxonos a todos os dentes largos coas súas aventuras con leons, guepardos e hipopótamos.

Unhas boas experiencias.

martes, 18 de abril de 2017

SEMANA DO LIBRO - CONCURSO DE FOTOGRAFÍA E TEXTO

IMAXES PARA LER



 BASES

1º PARTICIPANTES 
Poderá participar no concurso todo o alumnado do IES VALADARES. 

 2º TEMA 
Unha fotografía relacionada coa lectura, na que se vexa un libro e un lector ou lectora, en distintos lugares ou situacións. Unha frase que anime a ler. 

 3º FOTOGRAFÍAS 
 A fotografía presentada debe ser propiedade d@s participantes. Permítense correccións con programas informáticos de fotografía. Non se aceptan fotografías que xa fosen publicadas. 

 4º COMO PARTICIPAR 
 As fotografías poden ser realizadas con todo tipo de cámaras fotográficas ou teléfonos móbiles. 

 5ª DATA DE ADMISIÓN, ENVÍO E IDENTIFICACIÓN 
Para participar é necesario subir a foto e o lema á aula virtual do IES Valadares, na categoría de Biblioteca ( a chave de inscrición é LIBRO ) e asemade presentar en papel en tamaño A4 na conserxería do instituto. 

 6ª EXPOSICIÓN 
 As fotografías poderán verse na páxina do blog da biblioteca do IES Valadares, e no papel na entrada do IES. 

 7ª PRAZO DE ENTREGA 
 A fotografía e o lema deberán ser entregados antes do 20 de abril de 2017. 

 8. FALLO DO XURADO 
 O fallo do xurado terá lugar o día 24 de abril 

 9. A biblioteca do IES Valadares poderá utilizar as fotos e o lema para tarefas relacionadas coa lectura. 

 10. PREMIOS 
 Os premios serán libros, segundo o curso d@s participantes.


Resultado de imagen de imagenes para leer

lunes, 13 de febrero de 2017

CELEBRACIÓN DO DÍA DA PAZ

O día 30 de xaneiro foi un día de paz no noso instituto, o IES VALADARES. Unha marea branca de nenos, nenas, rapaces e rapazas do CEIP Josefa Alonso e do CEIP Sobreira asolagou as nosas aulas, patios e corredores.

        Pode parecer que estes días de celebración son só simbólicos e que de pouco serven. Quizais non teñen unha repercusión inmediata nin sorprendente, mais son unha oportunidade para darmos a coñecer mulleres e homes que coa súa iniciativa ou coa súa loita foron quen de mover montañas: aquí temos a Gandhi, Malala, Rosa Parks, Mandela, Rigoberta Menchú, Martin Luther King  .... e moitos nomes máis que engrosan a lista das pacificadoras e pacificadores.
Os nosos alumnos e os de Primaria 


        Este día tamén é unha oportunidade para traer á actualidade realidades que non deberiamos repetir: o apartheid, o xenocidio, a bomba atómica, a tortura, as violacións ... Deses desastres temos imaxes que perduran na memoria colectiva, mais por desgraza seguen estando nos telediarios do noso día a día: homes e mulleres atravesando miles e miles de quilómetros para fuxiren do odio, do fanatismo e da pobreza; e outros erguendo muros que nos separan non só ideoloxicamente senón fisicamente.

        Nós queremos e quixemos tender pontes e derrubar muros; por iso os maiores lémoslles poemas aos pequenos, cantamos xuntos o rap: "Se buscan valientes" de El Longui e construímos avións en misión de paz que voaron ao unísono dende as aulas ata os patios.

        Xuntos tamén cantamos e bailamos a canción de Chayanne que preparou o alumnado do colexio de Matamá: Madre Tierra en versión galega.
 

         "Oe
         Abre os  teus ollos
         Olla alá arriba
         e goza das cousas boas que che dá a vida... "


video


 E finalmente unimos as mans para formar a palabra PAZ, mentres se lía o manifesto que a orientadora dos colexios escribiu para este día.


       

        Foi conmovedor vernos realizando actividades xuntos, collidos da man camiñando cara ao patio e servíndolles bocadillos os grandes aos pequenos.  Sabemos que a paz tamén se constrúe día a día coas persoas que temos máis preto, con simples detalles como tratar as compañeiras e compañeiros con respecto, dando as grazas, pedindo desculpas, preguntando e contestando con amabilidade, interesándonos polos demais, achegándonos á xente en plan positivo e obsequiando a quen nos rodea co noso optimismo. 

ESA É A NOSA MENSAXE DE PAZ.






       














sábado, 11 de febrero de 2017

CLUB DE LECTURA - VISITA DE ROSALÍA FERNÁNDEZ RIAL


                                                      
O vindeiro luns 20 de marzo, ás 18,30 horas, retomaremos as actividades do Club de Lectura coa visita da poeta Rosalía Fernández Rial, nada en Carballo en 1988.




Entre outros libros, ten publicados Vinte en escena, Ningún amante sabe conducir e Sacar a bailar.


     


VISITA DE JOAN MANUEL GISBERT

O venres 10 de febreiro tivemos a oportunidade de recibir a visita de Joan Manuel Gisbert, un dos máis famosos escritores de literatura xuvenil da actualidade. Non é moi doado ter entre nós a un escritor tan demandado e recoñecido no mundo entero, así que podemos considerarnos afortunados pola súa dedicación.
Falou das súas obras Los espejos venecianos e El último enigma, que os alumnos de 3º de ESO están a ler nesta avaliación. Foi unha charla moi amena, con destellos de humor e de reflexión sobre a literatura, a vida e o oficio de escritor.






Ao final do acto recibiu un agasallo do instituto, un gravado como recordo da súa estancia.





jueves, 8 de diciembre de 2016

DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS - 10 DE DECEMBRO

O 10 de decembro conmemórase o Día Internacional dos Dereitos Humanos, aprobado pola ONU en 1948. Todos os anos celébrase cun lema adicado á defensa dos dereitos das persoas máis desfavorecidas ou dos grupos en risco grave por motivos sociais, relixiosos, sexuais ou políticos. Este ano, 2016, o lema é "Defende hoxe os dereitos dos demais", unha chamada xeral para defender sen exclusións os dereitos de calquera persona en calquer lugar do mundo, en especial os de aquelas persoas que poidan ser discriminadas ou sufrir algún acto violento. Os conflitos armados, a restricción de libertades e a impunidade oscurecen o panorama mundial hoxe




 En Vigo. Amnistía Internacional convoca un acto público, con recollida de sinaturas, este sábado 10 na Praza de América, de 11'30 a 14'00 horas. O artista Carlos Tomico levará a cabo un espectáculo de maxia.
En España, Amnistía denuncia os casos de Annie Alfred, víctima da superstición e da maxia en Malawi polo simple feito de ser albina, de Máxima Acuña, atacada por defender a terra e o medio ambiente en Perú, e de Eren Kesin, procesada máis de cen veces en Turquía por levantar a voz contra o goberno.

jueves, 1 de diciembre de 2016

CLUB DE LECTURA - VISITA DE MARCOS CALVEIRO

          Con Marcos Calveiro e a súa novela Fontán atravesamos esa porta que non se ve, pero que ás veces nos separa, entre as ciencias e as letras. Estamos ante unha novela cuxo protagonista é Domingo Fontán, un home de ciencia do século XIX, o topógrafo e matemático que elaborou o primeiro mapa científico de Galiza, mais tamén un amante das linguas clásicas e modernas, un home que se forma en leis, un político liberal ..., en definitiva, un ser humano que gozaba co coñecemento.

         Nesta novela tamén nos achegamos a eses momentos convulsos do XIX coas alternancias no poder entre liberais e absolutistas que tanto dano causaron entre a intelectualidade da época. Asistimos ao levantamento de Solís, á invasión francesa, á chegada do ferrocarril a Galiza. Vemos a Verne, á astrónoma Caroline Herschel e ao seu irmán Willliam, aos pintores Villaamil e Fierros, ao tamén científico galego Xosé Rodríguez, ao músico Haydn ...

         Asemade, Marcos Calveiro é un escritor que traspasa os límites: un home de leis que escribe literatura e que gaña a vida actualmente cun café, O Badía, en Teis, preto do cruzamento dos Caños. 

         Un encontro, o que tivemos, interesante e intenso. Novas nais entraron a formar parte do club. A elas dámoslles a benvida e ao grupo en xeral as grazas pola súa asistencia.

         Velaquí vos deixamos unhas instantáneas e unha copia do vinilo que xa forma parte do noso paseo das estrelas literarias:


Marcos Calveiro xa figura no noso Paseo da Literatura